NOVAS

O Padroado da Cultura e a Deputación da Coruña organizan un programa para levar este verán o cine ás parroquias da zona rural da cidade

Publicado o 05 de Xullo de 2018

O Padroado da Cultura de Narón e a Deputación da Coruña organizan o programa Cine de verán, que contempla un total de catro proxeccións na zona rural da cidade.

A programación comezará a desenvolverse hoxe no Centro Cívico Social do Val, onde a partir das 21.30 horas se poderá ver a película A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol. Trátase dun filme dirixido por Alex Colls e que protagoniza Mumu, unha vaca que descubre un rebaño de ovellas pastando nun parque cando está xogando cun grupo de amigos, ao que chama a atención a cor branca das ovellas e que persigue un soño: ser unha estrela.

A segunda das propostas será Pérez, o ratiño dos teus soños, que se poderá ver o vindeiro 12 de xullo no Centro Cívico Social de San Xiao. Neste caso a película, que se proxectará tamén a partir das 22.15 horas, é unha coprodución galega de animación protagonizada neste caso por Lucía e a súa familia, que axudarán ao ratonciño Pérez a botar abaixo os plans de dous malvados ratos que queren roubar os dentes a todos os nenos do mundo para despois convertelos en perlas e facerse ricos. 

O Centro Cívico Social de San Mateo acollerá o vindeiro 19 de xullo a terceira das propostas: El Desconocido, a partir das 22.15 horas. Luis Tosar, Javier Gutiérrez e Elvira Minguez forman parte do reparto deste filme, dirixido por Dani de la Torre e rodado na Coruña. Carlos, un director dunha sucursal de banca recibe unha ameaza de morte, por parte dunha vítima das súas estafas, tras deixar aos seus fillos no colexio. Cunha duración aproximada de 90 minutos, a maior parte da trama transcorre no interior dun vehículo, sucedéndose as emocións que farán estar ao espectador nunha alerta continua para ver o desenlace desta película.

A última das propostas será Los pitufos 3, la aldea escondida, que se poderá ver o 26 de xullo a partir das 22.15 nas instalacións da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, en Pedroso. Neste filme, dirixido por Kelly Asbury e cun reparto do que forman parte entre outros Arieal Winter e Julia Roberts, os pitufos vivirán unha serie de aventuras polo Bosque Encantado, donde explorarán unha zona prohibida na que non faltarán os perigos.

Desde o Padroado da Cultura de Narón destacaron a importancia da colaboración entre administracións no eido cultural, nesta ocasión, para poder programar este tipo de programacións na zona rural. Nesta liña trabállase tamén desde o Padroado noutras áreas culturais, a través das Escolas Culturais Municipais, e outros programas e eventos impulsados a través do citado organismo.