A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Turismo, Natalia Hermida, presentaron onte xunto con David Melchor e Faustino Rodríguez, presidentes das asociacións Impact e Mesa Cuadrada, respectivamente, a novena edición das xornadas de ocio “Impact Weekend Narón 2022”.
Á convocatoria, que se desenvolverá esta fin de semana, de venres a domingo, no pavillón Campo da Serra, acudirán unhas 250 persoas procedentes da comarca, doutros concellos galegos e tamén de comunidades como Asturias, Madrid, Andalucía, País Vasco, Valencia… e mesmo do país veciño, Portugal.
O venres comezará a actividade ás 16.30 horas, co Torneo Impact Returns Old School, os torneos MtG de Legacy ou Modern, en formato de cartas, e obradoiros de Hama Beads, para realizar figuras cunhas cuencas de plástico.
Na xornada do sábado o evento dará comezo ás 10.00 horas e desenvolverase, ao longo da mañá e da tarde, o Torneo Impact Returns Legacy e tamén se poderá ver unha exposición interactiva de elementos de ocio electrónico –consolas antigas, emuladores…- e haberá obradoiros de Hama Beads. A Asociación Cultural Impact, de Narón, impulsará Trials Modern e eventos de Commande, Legacy, Standard… e desde Mesa Cuadrada o Torneo Blood Bowl, a tres partidas nas que se irán enfrontando os mellores participantes e con premios para os participantes e os gañadores.
Finalmente, o domingo 14 retomarase a programación ás 10.00 horas e sucederanse o Torneo Impact Returns Modern, continuarán a exposición de Retrogalaicos e os obradoiros de Hama Beads e ao longo do día haberá eventos de Legacy, Modern, Commander…. e partidas de exhibición de Star Wars a cargo de Mesa Cuadrada.
Os xogos de cartas de Impact poderán verse por streaming a través do enlace: http://www.twitch.tv/impactreturns, tal e como indicaron dende a Asociación Cultural Impact.
Dende o Concello e as dúas asociacións coorganizadoras animaron ás veciñas e veciños da cidade a desprazarse esta fin de semana ao pavillón Campo da Serra para desfrutar deste evento, que conta cunha gran proxección e afección dentro e fóra da comarca.