NOVAS

O Pazo acollerá esta fin de semana a representación dos espectáculos 'Solitudes' e 'Pinocho'

Publicado o 16 de Novembro de 2020

'Solitudes' representarase ás 20.00 horas do sábado, namentres a obra 'Pinocho' contará con tres pases o domingo, ás 12.30, 18.00 e 20.00 horas.

O Pazo da Cultura acollerá esta fin de semana dous espectáculos culturais, cun aforo máximo para cada unha das sesións programadas de 50 persoas, tal e como se require nas medidas preventivas da Covid-19. Este sábado será o turno da compañía Kulunka Teatro, que representará ás 20.00 horas a obra 'Solitudes'. Trátase dunha peza de teatro de máscaras xestual dirixido a todos os públicos e que conta, a base de humor, unha historia de soidade e incomunicación dos integrantes dunha familia. A obra obtivo multitude de recoñecementos como os Premios Max ao Mellor espectáculo e Mellor composición musical, o Premio Mellor espectáculo do Festival de Birmingham e o Premio Ollo Crítico RTVE.

Na xornada do domingo estará no Pazo a compañía Ghazafelhos, coa obra 'Pinocho'. Haberá un total de tres pases, ás 12.30, 18.00 e 20.00 horas desta obra de teatro actoral, que combina monicreques e música en directo. A peza diríxese a público familiar e infantil, a partir de 6 anos, e é unha adaptación libre da obra de Carlo Collodi que realizou Pepablo Patinho.

As entradas dispoñibles para estes espectáculos, ata completar o aforo, poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura.