NOVAS

O Pazo da Cultura acolle esta fin de semana a estrea da última obra da compañía Lagarta Lagarta

Publicado o 15 de Setembro de 2011

O Concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presentou en rolda de prensa a estrea teatral que acollerá o Pazo da Cultura esta fin de semana (os días 16 e 17 de setembro).

O Concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presentou en rolda de prensa a estrea teatral que acollerá o Pazo da Cultura esta fin de semana (os días 16 e 17 de setembro). Trátase da obra “Unha hora na vida de Stefan Zweig” da compañía Lagarta Lagarta. A directora da mesma, Rosa Álvarez, e os actores principais (Ernesto Chao e Belén Constenla) acompañaron ó edil na presentación desta peza teatral.

“Unha hora na vida de Stefan Zweig” é un drama de 90 minutos de duración, ambientado no ano 1942, durante a 2ª Guerra Mundial e que relata unha hora na vida do escritor que leva o seu nome. Nese espazo de tempo sucédense unha serie de acontecementos que cambiarán para sempre a vida do protagonista e da súa dona.

O matrimonio Zweig toma unha importante determinación, calculada con meticulosidade, sobre a súa vida. Pero no seu fogar preséntase un estraño e inoportuno visitante (Samuel Fridman, protagonizado por César Cambeiro) que axudará a coñecer mellor o seu posicionamento ante cuestións trascendentais.

A compañía Lagarta Lagarta agradeceu o “apoio incondicional e as facilidades que dende sempre nos deu o Concello de Narón para estrear aquí os nosos espectáculos”, declarou o actor e fundador desta compañía, Ernesto Chao.

O Concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, agradeceu a Lagarta Lagarta que elexira o Pazo da Cultura de Narón para representar por primeira vez esta peza teatral, que xirará por outras cidades e vilas de Galicia nos vindeiros tres meses.

+ info