NOVAS

O programa N de Narón, a festa das Letras ofrecerá espectáculos e obradoiros para todos os públicos co gallo do Día das Letras Galegas

Publicado o 14 de Maio de 2019

A Praza da Lectura, nas Vivendas da Mariña de Santa Icía, acollerá este ano unha nova edición de “N de Narón: A festa das Letras”

Trátase dun programa impulsado polo Concello de Narón con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas e que contempla varias propostas culturais, de balde, dirixidas a todo tipo de públicos. A programación desenvolverase ao longo de todo o día, tanto os espectáculos como as actividades que se propoñen para os nenos e nenas.

Abrirá os actos de N de Narón: A Festa das Letras un espectáculo de maxia, a cargo do ilusionista Martín Camiña, centrado na vida de Antonio Fraguas, escritor natural de Pontevedra e ao que este ano se adica o Día das Letras Galegas. “Antonio… Fraguas unhas ilusións con nós?” é o título deste espectáculo, que dará comezo ás 12.00 horas.

Ao mediodía, a partir das 13.00 horas, será o turno de Fantoches Baj (Inacio e Carlos Quintá), que protagonizarán o espectáculo “Os romeiros do caracol”, baseado no estudo sobre as romarías de Antón Fraguas. A obra céntrase en santuarios como o de San Andrés de Teixido, sobre cuxas peregrinacións, cancións, lendas… escribiu Fraguas na obra Romarías e Santuarios de Galicia. Os irmáns Quintá cumpren a promesa feita ao seu defunto avó de levalo a San Andrés en forma de caracol e realizan a viaxe de volta á casa tras cumprir a ofrenda nunha caravana caracol que lles serve de teatriño de títeres no que van contando historias que viron e escoitaron en San Andrés.

A programación da tarde comezará ás 17.30 horas, co espectáculo Nono, da compañía Pistacatro. Trátase dunha proposta de mimo, marionetas, malabares e clown na que o humor estará presente dende o principio ata o final e do que podrán gozar tanto os nenos e nenas como as persoas maiores. A continuación, sobre as 18.30 horas, será o turno de María Fumaça, familia que cumpre cinco anos. “As que máis molan” é o título do espectáculo que chegará a Narón con María Fumaça co gallo do Día das Letras Galegas, enchendo de música e cancións a Praza da Lectura.

A maiores de todos estes espectáculos, durante todo o día haberá un espectáculo sensorial dirixido a bebés: Alfombra Máxica, de Mirari Urruzola.A través dunha alfombra táctil, sonora e olfactiva os nenos e nenas experimentarán unha viaxe sensorial e descubrirán múltiples sensacións através dos diferentes sentidos. Así mesmo, no espazo Garabato de xogos, pensado para todo tipo de públicos, poderase xogar con elementos realizados con materiais de refugallo, incidindo en áreas como a habilidade, a imaxinación, coordinación… A terceira das propostas é o Espazo Percubebé, con Marcelo Dobode e Bea Martínez, que traen a Narón un obradoiro musical, centrado no mundo da percusión e da arpa.

Haberá tamén un espazo de lectura, cun stand propio da Biblioteca municipal e dous das librarías Day e Galicia, donde as persoas que acudan poderán ver as últimas novidades de publicacións en galego, a maiores de obras do autor homenaxeado este ano, Antonio Fraguas.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, animou ás veciñas e veciños a participar nesta Festa das Letras “con programas pensados para xente de tódalas idades nunha data moi especial cada ano para todas as galegas e galegos e que en Narón queremos celebrar tamén cunha firme aposta pola nosa cultura e a nosa lingua”.