NOVAS

Os cómicos Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz subiranse mañá ao escenario do Pazo para representar a obra teatral Falar sen cancelas

Publicado o 12 de Decembro de 2018

Os actores Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz subiranse mañá ao escenario do Pazo da Cultura para representar a comedia teatral Falar sen cancelas, de Culturactiva

Este espectáculo, que integra tamén o circo e o clown, comezará ás 20.30 horas e as últimas entradas dispoñibles poden adquirirse a un prezo de 9,50 para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) na billeteira do Pazo ou na web: www.padroadodecultura.es.

Esta proposta de “humor galego apocalíptico” e “comedia pesimista”, tal e como o definiu a propia produtora, Culturactiva, dará mostra da compenetración sobre o escenario destes tres cómicos, que xa colaboraron noutros espectáculos. Un andazo que trata de acabar coa galeguidade centra a temática desta peza teatral, chegando a atacar aos tres humoristas ata impedirlles falar galego en público. Lonxe de quedar de brazos cruzados os actores realizarán unha serie de reflexións cómicas sobre a galeguidade.