NOVAS

Parlamento Xove 2023

Publicado o 26 de Decembro de 2022
Parlamento Xove 2023

O Parlamento Xove é un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.

O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins  informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

O programa estrutúrase nas seguintes categorías:

Categorías de ESO e Bacharelato

Nestas dúas categorías, poderán participar os centros educativos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria; e de 1º e 2º de Bacharelato.

Os equipos inscritos estarán formados por 4 alumnos/a e un/unha profesor/a que será o/a coordinador/a. En total poderán participar 48 equipos (24 por cada categoría).

O programa realizarase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán 8 equipos gañadores, que se enfrontarán nunha segunda fase final. Paralelamente, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado.

Categoría de Universidades

Destinada aos mozos e mozas estudantes de grao dos sete campus universitarios das tres universidades galegas matriculados/as no curso académico no que se convoca o programa.

Nesta categoría poderán participar un máximo de 16 equipos. O equipo de debate estará formado por un mínimo de 2 estudantes e un máximo de 4.

Categoría de FP (Formación Profesional)

A maior novidade desta decimocuarta edición é que poderá participar a mocidade estudante de calquera módulo ou ciclo de FP de calquera centro de ensino de Galicia.

Os equipos inscritos estarán formados por 4 alumnos/as e un/unha profesor/a que será o/a coordinador/a. Poderán inscribirse un total de 8 equipos na categoría de FP.

A categoría de FP non ten fase clasificatoria, tendo en conta que se inclúe por primeira vez nesta edición.

Consulta as túas dúbidas no correo parlamentoxove.xuventude@xunta.gal ou nos teléfonos 981 545 702 e 981 544 645.

Máis información en http://xuventude.xunta.es/parlamento-xove

O tema de debate da fase clasificatoria é:
Está preparado o Estado do Benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?