NOVAS

A parroquia de Doso acollerá este sábado unha nova edición da Recreación da Esfolla

Publicado o 04 de Novembro de 2020

A pista polideportiva de Doso acollerá este sábado, día 9, os actos da Recreación da Esfolla, organizados polo Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños “A Naveira”, de Doso.

O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e Severo Castro e Jorge Fernández, da AVV “A Naveira”, presentaron esta mañá a programación, que dará comezo ás 17.00 horas. A organización anima ás persoas a acudir con prendas de roupa como as utilizadas no século XX para ambientar esta celebración, de modo que os homes poderán ir con boina ou sombreiro, chaleque e prendas preferentemente de tecidos como lá ou liño e as mulleres con pano na cabeza, mantón, mandil e zocas ou algún calzado similar.

Dous carros cargados de mazarocas de maínzo cedidas por veciñas e veciños de Narón partirán ás 17.00 horas do rueiro da Braña, seguidos por unha comitiva da asociación veciñal “A Naveira” de Doso, e á que se poden sumar todas as persoas que o desexen. Dirixiranse á pista polideportiva de Doso, donde se desenvolverán ao longo da tarde diversas actividades dirixidas a persoas de tódalas idades. A música e a danza tradicionais de grupos das Escolas do Padroado da Cultura de Narón cobrarán especial protagonismo á hora da recepción á comitiva.

Os nenos e nenas terán a oportunidade de participar en obradoiros de bonecos de maínzo e “Bolas da tixola” e as persoas que se acheguen a Doso terán tamén a oportunidade de ver unha exposición cos bonecos de maínzo que se realizaron nos centros escolares, a través tamén de obradoiros impartidos dende o Padroado da Cultura. 

A esfolla do maínzo dará comezo sobre as 18.00 horas e poderá participar toda a xente que o desexe e este ano celebrarase tamén a segunda edición do Campionato de debagado de maínzo, para o que deberán inscribirse a partir das 17.00 horas nunha zona habilitada para tal fin. Tamén será preciso anotarse para participar no concurso de sobremesas, debendo as persoas interesadas entregar as sobremesas ás 17.00 horas e recibindo un número para o citado certame de doces elaborados con produtos de tempada e no que se repartirán varios premios.

Sobre as 19.00 horas dará comezo o concerto da banda de música folk “Pepe Vaamonde Grupo”, integrado por seis recoñecidos profesionais, entre eles o propio Pepe Vaamonde, gaiteiro e compositor das músicas da banda.

Os representantes da entidade veciñal “A Naveira” agradeceron a colaboración prestada dende o Concello de Narón para poder continuar organizando esta celebración na parroquia de Doso.

O concelleiro de Cultura animou á veciñanza a acudir a este evento festivo e agradeceu o labor desenvolvido pola AVV “A Naveira”, recoñecendo “o feito de levar máis de dúas décadas impulsando esta recreación tradicional da esfolla na parroquia, mantendo viva esta tradición e facendo partícipe da mesma a toda a cidadanía, con propostas para xente de diferentes idades”.