Poden presentarse as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello e na Sede Electrónica
A concelleira de TEGA delegada da área de Ensino, Mercedes Taibo, recorda que o Concello mantén aberto até o venres 14 de agosto o prazo de solicitude das axudas municipais para adquisición de material didáctico escolar para alumnado de centros de ensino públicos e concertados, así como as axudas de comedores para alumnado de centros concertados no vindeiro curso académico 2020-2021.
Taibo indicou que as solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello —de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas—, na Sede Electrónica ou por calquera outro medio previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As axudas para material didáctico e escolar para alumnado de centros públicos e concertados de Narón serán para matriculados en segundo ciclo de Educación Infantil, educación Primaria e Secundaria, Bacharelato, FP de Ciclos medios, Educación Secundaria de Adultos e Centros de Educación Especial. Diríxense a familias empadroadas en Narón e cuxa capacidade económica non supere os umbrais económicos establecidos na convocatoria e demais requisitos da mesma, que se poden consultar na páxina web do Concello, a través deste enlace as de material escolar, e deste outro as dos comedores escolares.
Así mesmo, en canto ás axudas de comedor escolar, destínanse a familias de alumnado escolarizado en centros docentes concertados de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Secundaria con dificultades socioeconómicas e de conciliación da vida familiar e laboral.
As persoas interesadas en solicitar máis información sobre as persoas destinatarias destas axudas, documentación a presentar ou impreso de solicitude poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello.