NOVAS

Primeira andaina do programa "Ponte en Ruta con Nós"

Publicado o 06 de Outubro de 2016

O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, e o coordinador deportivo da empresa Arasti Barca, Miguel López, informaron esta mañá de que as persoas interesadas poden formalizar desde hoxe mesmo e ata o día 19 deste mes (mércores) a súa participación na andaina inaugural da segunda edición da iniciativa Ponte en Ruta con Nós que terá lugar na mañá do domingo 23 de outubro e decorrerá pola zona da Cabana, en Ferrol.


Quen desexe participar ten que formalizar obrigatoriamente, para a subscrición dos seguros nominais de accidentes, a súa inscrición no polideportivo da Gándara.

  1. Horario: De luns a xoves en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas, e os venres de 9:00 a 13:00 horas.
  2. Prezo: 3 euros de custe fixados para o avituallamento e os desprazamentos en autobús ata as zonas de recollida.


En total, serán 8 andainas, unha cada mes desde o presente mes de outubro ata xuño, coa excepción de decembro. As datas, que poden variar, así como os itinerarios, por causa de forza maior, son as seguintes:

 

  •     23 de outubro de 2016.
  •     27 de novembro de 2016.
  •     29 de xaneiro de 2017.
  •     26 de febreiro de 2017.
  •     26 de marzo de 2017.
  •     30 de abril de 2017.
  •     28 de maio de 2017.
  •     25 de xuño de 2017.

 

Para participar en cada unha das rutas, as persoas interesadas teñen que inscribirse entre o día 1 e o mércores anterior á andaina no polideportivo da Gándara. En todas elas, o punto de encontro será o polideportivo deste mesmo barrio e, desde alí, un autobús trasladará aos participantes á zona na que se desenvolverá cada roteiro.

As persoas participantes recibirán unha cartilla na que a organización irá cuñando a asistencia a cada unha das andaina. Ao remate do programa, o 25 de xuño, haberá agasallos que premiarán, entre outras cousas, a fidelidade ao programa.