NOVAS

Programa de deporte adaptado da mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

Publicado o 18 de Novembro de 2011

Bases do programa e procedemento de prematrícula

Bases do programa e procedemento de prematrícula

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol desenvolve coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña un programa de deporte adaptado destinado a promover a diversidade funcional no deporte. Esta experiencia piloto ocúpase de modalidades deportivas e colectivos concretos, se ben o obxectivo a medio prazo é incorporar progresivamente o amplo abano existente dentro do deporte adaptado. A continuación establécense as condicións de
desenvolvemento deste programa e indícase o procedemento de prematrícula.

Ubicación e modalidades deportivas a impartir

  • FERROL: Baloncesto en cadeira de rodas No pavillón polideportivo do Ensanche, R/ Río Xuvia, s/n, 15403.
  • NARÓN Boccia. No Centro Público Integrado do Feal, R/ Río Seco, s/n, O Feal, 15572
  • ARES Tenis en cadeira de rodas. No pavillón polideportivo de Ares, R/ Celso Emilio Ferreiro, s/n, 15624

Contaremos co seguinte número de prazas:

  • 6 prazas para tenis en cadeira de rodas
  • 12 prazas para boccia
  • 8 prazas para baloncesto en cadeira de rodas

Nota.1:Cada persoa só pode matricularse nunha modalidade deportiva, no caso de que queden prazas libres, poderá solicitar a participación noutra modalidade, sen custe adicional.
Nota.2: As persoas que participen na modalidade de tenis en cadeira de rodas deberán levar a súa raqueta de tenis, nas modalidades de boccia e baloncesto en cadeira de rodas o programa pon a disposición dos usuarios o material necesario.É obrigatorio acudir ao programa con vestimenta deportiva e cómoda para a práctica do deporte.

Horario

  • Baloncesto en cadeira de rodas: xoves en horario de 20:30 a 22:00 Hs
  • Boccia: venres en horario de 17:30 a 19:30 Hs
  • Tenis en cadeira de rodas: martes en horario de 18:30 a 20:30 Hs

A duración do programa: Deporte adaptado contará cunha duración estimada de tres meses, confirmándose no momento da realización da matrícula.

Participantes:

O programa Deporte adaptado está dirixido a persoas con diversidade funcional, as cales deben cumprir os seguintes requisitos:

  • Estar empadroado nalgún dos municipios que conforman a Mancomunidade (Ferrol, Narón, Fene, Ares, Mugardos, Valdoviño, Neda e Cedeira).
  • Ter unha idade comprendida entre 12 e 59 anos no momento de formalizar a matrícula.
  • Ter o certificado de minusvalía física relacionado coa súa mobilidade nos seus membros inferiores para participar en baloncesto e tenis en cadeira de rodas e certificado de minusvalía por parálises ou lesión cerebral ou outras minusvalías físicas severas para boccia.

Nota.1: no caso de que queden prazas vacantes, estas poderán ser ocupadas por persoas empadroadas noutros municipios que non pertenzan a Mancomunidade, sen poder ser beneficiarios do transporte adaptado.

Taxas:

  • Taxa do curso: 40 €

No caso de que o programa teña unha duración inferior a tres meses, a taxa do curso diminuirá proporcionalmente a súa duración, o prezo confirmarase no momento de realiza-la matrícula.

Bonificación do 50%:

Aos usuarios que reúnan algún dos seguintes requisitos aplicaráselles unha bonificación do 50% na taxa do curso:

  • Menores de 26 anos, acreditarase a través do DNI.
  • Formar parte dunha unidade familiar cun volume total de ingresos anuais inferiores ao establecido pola Lei como límite para determinar a obrigación de presentar a declaración do IRPF. Esta circunstancia acreditarase mediante o documento da exención de realizala.
  • Membros dunha familia numerosa acreditando tal circunstancia mediante Libro de Familia ou Título de Familia Numerosa.
  • No caso de matriculación simultánea de dous ou mais irmáns, maiores de 26 anos, aplicaráselle a bonificación ao menor deles.
  • Persoa en situación de desemprego, acreditarase mediante tarxeta de desemprego.
  • Certificado de minusvalía igual ou superior ao 65% ou de gran invalidez.

Exención de taxas

Quedarán exentos do pago da taxa as persoas que teñan uns ingresos económicos igual ou inferior a 1,5 veces o IPREM, incrementado un 15% por cada novo membro e cun límite de 1.397,02 € euros, segundo o seguinte baremo:

Nº de membros Contía
1............................................................................ 532,51 euros
2............................................................................ 798,76 euros
3............................................................................ 918,57 euros
4............................................................................ 1056,35 euros
5............................................................................ 1214,80 euros
6............................................................................ 1397,02 euros

Acreditarase a través da seguinte documentación:

  • Empadroamento das persoas que forman a unidade familiar e conviven no domicilio
  • Certificado dos ingresos da unidade familiar (pensións, nóminas, INEM ou calquera prestación pública).
  • No caso de separación ou divorcio legal, copia da sentenza e do convenio regulador, así como xustificantes bancarios das achegas económicas.
  • No caso de unións de feito con fillos/as recoñecidos, copia da sentenza de garda, custodia e alimentos, así como xustificantes das achegas económicas.
  • No caso de non ter ingresos, certificado negativo do INEM, de non prestación.
  • Fotocopia do Libro de Familia
  • Fotocopia da vida laboral de cada un dos membros computables da unidade familiar
  • Declaración da RENTA ou certificado negativo, correspondente a cada uns dos membros computables da unidade familiar.
  • Outros documentos que estime oportunos.

Nota.1: O coordinador do programa encargarase de federar aos usuarios que non se encontran inscritos na correspondente federación sen custe algún para eles.
Nota.2: Os usuarios non federados deberán facilitar tódolos documentos que se lles pida no momento de realizala matrícula, o non cumprimento é motivo de expulsión do programa.
Nota.3: Os usuarios que se matriculen en dous ou mais deportes deberán pagar unha soa matrícula (só no caso de que queden prazas vacantes)
Nota.4: Tódolos usuarios, teñan dereito ou non a bonificación e a exención, deberán pagar a cantidade mencionada no apartado de taxas (40€)
Nota.5: Os usuarios que poidan acceder á bonificación do 50% ou a exención de taxas por cumprir algún dos requisitos mencionados deberán presentar a documentación xustificativa no momento de formalizar a matrícula, a Mancomunidade devolveralles o importe correspondente no prazo de 10 días hábiles.

Transporte adaptado

Dentro do programa Deporte adaptado, ponse a disposición dos usuarios que o precisen o uso do transporte adaptado, sen custe adicional. O transporte recolleraos no punto de encontro que se acorde, levaraos á actividade e unha vez remate os transportará ao punto de partida. Cando por circunstancias socias, económicas,... o usuario non poda acceder ao punto de encontro deberao comunicar ao coordinador do programa, que estudará o caso e contemplará a posibilidade de recollelo na porta do seu domicilio.
Nota.1: Os usuarios do transporte adaptado deberán avisar ao coordinador con 48 Hs de antelación se non van precisar ese día o transporte. No caso inxustificado de non comunicalo poderán ser expulsados do programa.
Nota.2: No momento de face-la matrícula informarase aos usuarios cales serán os puntos de encontro, como mínimo haberá un por concello.
Nota.3: A persoa que necesite que o transporte a recolla no seu domicilio, xunto coa prematrícula, deberá entregar un escrito explicando as razóns polas cales non pode acudir ó punto de encontro.

Prematrícula e matrícula:

As prazas ofertada no programa Deporte adaptado son as seguintes:

  • Baloncesto en cadeira de rodas 8
  • Boccia 12
  • Tenis en cadeira de rodas 6

No caso de que o número de solicitudes exceda o número de prazas ofertadas, realizarase un sorteo en acto público ante o secretario da Mancomunidade no que se asignarán as vacantes dispoñibles. A prematrícula (anexo 1) entregarase na Casa Solidaria, R/ Velazquez nº 44 (esquina Avd. de Vigo), 15403, Ferrol, 4º andar, no seguinte horario: luns, mércores ou venres de 09:00 Hs a 14:00 Hs. Xunto con este anexo deberán entregar: fotocopia do certificado de minusvalía, fotocopia do DNI e fotocopia do carné de federado se é o caso; todos estes documentos acompañaranse dos orixinais para comprobar a súa veracidade. O modelo de prematrícula estará dispoñible no taboleiro de anuncios da páxina web do concello de Ferrol.

O PRAZO DE PREMATRÍCULA SERÁ DO 15 DE NOVEMBRO AO 02 DE DECEMBRO DO 2011

Nun prazo non superior a 30 días hábiles avisarase, vía telefónica, ás persoas que foron admitidas no programa, tamén se publicará no taboleiro de anuncios da páxina web do concello de Ferrol xunto cos datos das persoas que se encontran na lista de espera. Unha vez comunicada a selección para o programa, terase un prazo de 10 días hábiles para realiza-lo ingreso das taxas e entregar nas dependencias da Mancomunidade a documentación
relativa á matrícula (anexo 2, anexo 3, fotocopia do resgardo de pago, fotocopia do empadroamento, exame médico-físico que o acredita apto para a práctica do deporte e, se é o caso, a documentación necesaria para federarse e dúas fotos tamaño carné; esta documentación acompañarase da orixinal
para comprobar a súa veracidade). Xunto coa matrícula, aquelas persoas que desexen acceder á bonificación do 50% ou á exención de taxas deberán entrega-la documentación necesaria para acceder a dita bonificación.
Nota.1: Se en dito prazo non se efectúa o pago nin se entrega a documentación entenderase que a persoa non está interesada en participar no programa e procederase a chamar as persoas que se encontran na lista de espera.

Para mais información:
tlf:981944000 ext. 378
mail:oibarcia@ferrol.es

   
Documento Tamaño
prematricula.pdf 155.42 KB
tríptico.pdf 182.13 KB