NOVAS

Programa formativo municipal “Habilita 2016”: ábrese o prazo o 1 de febreiro

Publicado o 27 de Xaneiro de 2016

"Marca persoal", "Xestión empresarial con software libre" e "Habilidades dixitais básicas" son os cursos que se convocan dentro do programa formativo municipal "Habilita 2016".

A participación nestas formacións vai dirixida a veciños e veciñas de Narón desempregados/as e que sexan maiores de 18 anos.

Sabiades que o prazo de inscrición comeza o vindeiro 1 de febreiro? Ollo, non vos durmades! Porque pecha o 19. As prazas, 40 en total, cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Por persoa só se poderán solicitar dous cursos como máximo.

Estes cursos desenvolveranse entre febreiro e maio. 

  • “Xestión empresarial con software libre (ContaSol e FactuSol)”
  • “Habilidades dixitais básicas”: deste curso haberá 2 quendas, unha de mañá e outra de tarde
  • “Marca persoal: diferenciándome nas redes” 

Quen se vaia inscribir debe facelo no Rexistro Municipal, entre as 8.30 a as 13.30 horas, cubrindo un formulario que poden recoller alí ou descargar ao pé desta nova, en formato PDF.

A edil de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, explicou que se convocan dez prazas para o curso de “Xestión empresarial con software libre” (260 horas), que se impartirá no Centro Municipal de Formación da Gándara; un total de vinte para o de “Habilidades dixitais básicas” (100 horas cada curso) –dez alumnos por edición- e outras dez para o de “Marca persoal” (60 horas). Estes últimos desenvolveranse na Aula Cemit de Xuvia. 

“Con estes cursos cubriremos un total de 520 horas de formación, ofrecendo a posibilidade de que corenta persoas poidan iniciar ou mellorar os seus coñecementos na área de novas tecnoloxías e así ampliar as súas posibilidades de empregabilidade”, subliñou Hermida.

As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1123/2602 ou 1120).

   
Documento Tamaño
SOC14_Habilita_2016 inclusión tecnolóxica.pdf 252.88 KB