NOVAS

Queres ser pastor de abellas? Inscríbete xa no curso de "Técnicas de apicultura natural sostible"!

Publicado o 05 de Maio de 2017

A Concellería de Medio Ambiente de Narón, dirixida polo edil Octavio Dopico, e a delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) organizan un curso de iniciación sobre "Técnicas de apicultura natural sostible".

A convocatoria iníciase este sábado 6 de maio entre as 10:00 e as 10:30, no local social de AVV Rosa dos Ventos, na parroquia de Sedes. O curso desenvolverase entre os meses de maio e novembro, para que os asistentes teñan a oprtunidade de coñecer e practicar todas as tarefas a realizar nun colmar.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse de balde, a través do correo electrónico: dagaferrol@hotmail.com, ou obter máis información chamando ao número de teléfono 981 320 798.

O curso dura aproximadamente 67 horas (impartidas de xeito discontinuo), dividirase en varios apartados:

  1. Importancia das abellas: Ciclo biolóxico, partes da colmea, os abelleiros...
  2. Reprodución do apiario: Multiplicación, recollida de enxames, colocación de alzas, calendario de traballo…
  3. Sáude das abellas: Principais parásitos que lles afectan, prevención de doenzas, control de enfermidades e desinfección.
  4. Elaboración e comercialización de produtos apícolas: Esmelga, equipamento, extracción, decantación, envasado e etiquetado do mel, reciclado da cera...

En todos os casos haberá unha parte práctica con visitas a apiarios ou locais de extracción do mel, según a temática a abordar, tal e como se apuntou desde AGA. Os colmeares nos que se realizarán as prácticas son os tres didácticos cos que conta a delegación en Ferrolterra de AGA, localizados en Sedes (Narón), A Cortiña (San Sadurniño) e Esmelle (Ferrol).

O persoal da AGA será o encargado de impartir as sesións e de facilitar os medios técnicos necesarios para realizar este curso. Entre os obxectivos do mesmo están, apuntan, “formar aos novos pastores de abellas para que ao final do curso sexan capaces de levar axeitadamente un colmear familiar”.