NOVAS

Roteiros 2011

Publicado o 12 de Setembro de 2011

As estadías terán lugar en instalacións propias da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En concreto, será no albergue xuvenil de Pontemaril, en Forcarei (Pontevedra); e no albergue de Gandarío en Bergondo (A Coruña).

O programa “Roteiros”, da Consellería de Traballo e Benestar, ofertará un total de 500 prazas en estadías de fins de semana multiaventura aos mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos. A iniciativa prolongarase desde o 16 de setembro ata o 18 de decembro.

As estadías terán lugar en instalacións propias da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En concreto, será no albergue xuvenil de Pontemaril, en Forcarei (Pontevedra); e no albergue de Gandarío en Bergondo (A Coruña).

No caso de Pontemaril, ofértanse 30 prazas cada fin de semana desde o 16 de setembro ata o 20 de novembro. Os participantes, poderán asistir a diferentes actividades como escalada en rocódromo (con diferentes graos de dificultade); rutas de bicicleta; xeocaching; actividades de fotografía, orientación e rastrexamento; ou veladas nocturnas.

Pola súa banda, en Gandarío, os 25 participantes de cada fin de semana poderán realizar actividades náuticas de navegación en cruceiro; actividades culturais e de turismo mariñeiro cun percorrido en kaiak pola ría de Ares e Betanzos; e actividades multiaventura de escalada. As quendas nesta instalación serán desde o 28 de outubro ata o 18 de decembro.

As estadías inclúen a pernoita e aloxamento (desde o venres á tarde ata o domingo ao mediodía); a manutención neste período de tempo; o desprazamento cara as distintas actividades; e as propias actividades e os materiais necesarios.

Como novidade este ano, as Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) poderán reservar directamente a totalidade das prazas das instalacións por cada fin de semana, ata o límite da metade das prazas. Cando as OMIX non cubran as prazas, estas serán ofertadas calquera persoa interesada, ao igual que as restantes.

Os interesados en participar nesta iniciativa poderán facer a reserva da súa praza a través da chamada telefónica nos teléfonos:

  • 981545937
  • 981545702
  • 981541689
  • 981545822

en horario de 09,00 a 14,00 horas de luns a venres.

+ info