NOVAS

Semana de Medio Ambiente e sustentatilidade

Publicado o 07 de Xuño de 2011

Semana de Medio Ambiente e sustentatilidade

Esta semana de Medio Ambiente e sustentatilidade constará do seguinte contido:

  • Ciclo de conferencias sobre bioconstrución, enerxías renovables e impacto ambiental, os días 11 e 12 no PTIDR Aldea Nova
  • Obradoiros prácticos sobre bioconstrución e enerxías tamén os días 11 e 12 no PTIDR Aldea Nova e na Feira do 13, para complementar a Feira da Bioconstrución.
  • Repoboación forestal da fraguela da Feira do 13, con máis de 45 árbores autóctonas para completar o arborado con castiñeiros, carballos, freixos, bidueiros. Para esta actividade contaráse coa colaboración do grupo de traballo da veciñanza de Sedes (AA.VV. Rosa dos Ventos, Asociación Mulleres Aldea Nova de Sedes e colectivo Fororural). Será dende o día 3 ata o día 12 de xuño. Esta repoboación forestal culmina a repoboación de máis de 250 árbores autóctonos europeos presentados ó longo de abril e maio no “arboretum” de Aldea Nova.
  • Itinerario ecolóxico en ferrocaril e senderista, dende o Alto do Castiñeiro ó Área Natural “Río Xuvia” con utilización do tren FEVE dende o apeadoiro do Alto ó apeadoiro de Pedroso, dende o que se completará o recorrido a pé e en bicicleta ata o Área Natural do Río Xuvia. Alí se efectuará unha plantación simbólica de tres árbores autóctonos de ribeira e se desenvolverán dous obradoiros medioambientais. A actividade sairá ás 10 dende o Alto, o sábado día 4 e rematará pola tarde no Área Natural. Colabora nesta actividade a AA.VV Chafarís do Alto.
  • Presentación da colección “Cadernos Técnicos de Aldea Nova”,  o día 10 de xuño, venres, coa primeira publicación desta serie que se titula “Aves do contorno do PTIDR Aldea Nova-Río Xuvia”, que recolle o traballo realizado no marco do programa de educación ambiental e didáctica do patrimonio natural, o traballo técnico elaborado polo equipo de autores de Terranova Interpretación Ambiental S.L. empresa concesionaria do Parque.

A inversión da Concellería de Medio Ambiente neste proxecto será de 10.000,00 €, que supón un exercicio de aforro e xestión eficiente, para o que contou coa colaboración dos poñentes, da empresa concesionaria do Parque Temático e do Servizo  Sociocomunitario.

Esta liña de traballo integrado no ámbito da sustentabilidade pretende crear unha plataforma de referencia no PTIDR Aldea Nova-Río Xuvia, que servirá para dinamizar formación e divulgación técnica, e supón unha aposta persoal e institucional da Concellería de Medio Ambiente e do equipo técnico do Servizo Sociocomunitario para abrir un foro sustentable de propostas de traballo e acción.

Este proxecto, xunto coas xornadas técnicas sobre o aproveitamento sustentable no monte,  cría profesional de raíñas en apicultura , e o curso de laboreo e fertilización de Sedes, converte  e culmina un ciclo de potenciación e fomento de desenvolvemento rural, e converte ó Parque Temático Aldea Nova-Río Xuvia no único referente do norte da Provincia de A Coruña, como Centro de Formación para o desenvolvemento do medio rural e recursos materiais.

O próximo remate das obras do “centro de coñecemento e formación aplicada” do Parque fará de Aldea Nova un equipamento singular en Galicia.