NOVAS

Sobran ideas, sobran motivos: asóciate!

Publicado o 17 de Agosto de 2012

Asociarse ten as vantaxes de ter algo en común, algo que unha persoa soa tería difícil conseguir, apoiada por outras pode telo e conservalo.

As asociacións serven para defender dunha forma organizada os nosos dereitos, dar a coñecer unha actividade ou afección, contar cun espazo de reunión, organizar actividades e viaxes ou poñer en valor determinadas cuestións que consideramos primordiais.

Seguro que tes máis dunha afección que compartes coas túas amigas e amigos e en máis dunha ocasión te decataches das dificultades coas que nos atopamos para póla en valor, que sexa recoñecida e mesmo para que che boten unha man na realización de diferentes actividades.

Se vos atopades nesta situación crear una asociación con entidade xurídica axudaravos a organizarvos mellor e ter unha maior visibilidade.

Loxicamente non é o mesmo pedir de xeito individual a unha administración a mellora dunhas instalacións culturais ou deportiva que facelo como colectivo. A nosa forza é maior.

Este exemplo repítese para moitas outras actividades que se nos poidan pasar pola cabeza como ter una espazo público para reunirnos, realizar viaxes, organizar actividades no noso municipio, compartir experiencias …

En Dameuntoke animámosvos a que rompades co individualismo e vos organicedes.

  • De acordo, paréceme interesante. Que pasos debe realizar? 

Evidentemente para crear unha asociación aparte dun grupo de persoas é preciso ter unha finalidade común. Esta pode ser de tipo lúdico como organizar xuntas ou festas de barrio, agruparse en torno a unha afección común, de carácter reivindicativo …

Unha vez que temos clara a nosa finalidade e como nos imos organizar debemos elaborar uns estatutos. Os estatutos dunha asociación serven para definir o funcionamento da mesma, a finalidade, as formas de reunión, o campo de traballo que queremos desenvolver …

Os datos básicos que todos os estatutos dunha asociación deben ter son:
- Nome da asociación e como se define
- Domicilio social
- Fins
- Ámbito territorial
- Órganos de goberno
- Condicións dos socios, admisións, perda, dereitos e deberes
- Financiamento e disolución
- Outro dato importante na creación dunha asociación é a data da creación da mesma. Temos cinco días para facer os trámites de inscrición da asociación dende a data que figure na acta de constitución.

  • Que documentación teño que presentar?

Unha vez que xa nos dispoñemos a crear a asociación non debemos esquecernos de presentar toda a documentación necesaria. Os documentos que nos van a solicitar son:

1. Copias por triplicado dos estatutos da asociación e da acta de constitución. Estes documentos deben ser asinados en todas as súas follas polos membros da asociación.

*A acta de constitución é un documento que acompaña aos estatutos onde se indica que nunha data sinalada e lugar os membros da asociación deciden crear a mesma.

2. Cubrir a instancia correspondente para entregar no rexistro oportuno en función do ámbito da asociación. Se somos unha asociación de ámbito local, provincial ou galego debemos remitir a instancia ao Rexistro Autonómico de Asociacións.

No caso de asociación con ámbito de actuación estatal deberemos remitila ao Ministerio de Interior.

3. Para finalizar o proceso debemos pagar unha pequena taxa que varia entre os 6-10 euros.
Unha vez remitida a documentación no prazo dun mes recibiremos no domicilio social da asociación os estatutos e a acta de constitución selados polas autoridades correspondentes, así como a certificación co número de inscrición no rexistro correspondente.
Xa temos a nosa asociación!

Uns pequenos consellos

Agora que xa temos constituída a nosa asociación hai uns pequenos consellos que nos axudarán a levar unha xestión adecuada da mesma. Aquí van:

1. Debemos ter en conta a alta fiscal. Nos trinta días seguinte á data de inscrición da asociación é indispensable para o seu funcionamento á hora de solicitar facturas por gastos efectuados ou á hora de facturar por algunha actividade realizada contar co CIF ou Código de Identificación Fiscal.

Esta solicitude realízase en Facenda onde debemos cubrir un impreso denominado “Modelo 037” acompañado da fotocopia dos estatutos legalizados e fotocopia do D.N.I. do presidente da asociación.

2. Exención do I.V.E. Se somos unha asociación sen ánimo de lucro podemos solicitar a exención do I.V.E. cando solicitamos a nosa alta fiscal.

3. Darnos a coñecer diante das administracións. Recomendámosvos que vos deades a coñecer solicitando reunións no voso ámbito máis próximo, é dicir, no voso Concello. Os representantes do mesmo seguro que farán un esforzo por sacar adiante novas iniciativas. Ademais na Casa do Concello contades coa OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) onde vos poderán asesorar para participar activamente en iniciativas locais, galegas ou mesmo internacionais de intercambio con outras asociacións.

Coñeces as asociacións que participan activamente en Narón?

En Narón existen diferentes asociacións que no seu día a día realizan multitude de actividades.

Neste artigo de Dameuntoke gustaríanos recoñecer o traballo que durante anos leva realizando o Grupo de Traballo Veciñal de Sedes na defensa da Escola Rural de Sedes.

Entre as súas iniciativas destaca a defensa do dereito a manter de maneira estable a escola como garantía dos servizos educativos de proximidade no medio rural. O grupo de traballo que naceu entre os anos 2008-2009 foi explicando a importancia da escola para unha comunidade rural e conseguiu que a Xunta de Galicia reabrira esta escola.

Actualmente este proxecto está en perigo polos recortes que a administración autonómica está a realizar na educación. En paralelo os nosos amigos e amigas de Sedes seguen loitando polo que consideran xusto e equitativo.

Infórmate

A OMIX do Concello de Narón informarate en detalle sobre as dúbidas que teñas para crear unha asociación.

No concello de Narón hai un rexistro de asociacións no que podes inscribirte e desa maneira optar ás subvencións municipais para actividades que se convocan todos os anos. Podes visitarnos na Casa do Concello no primeiro andar ou chamar ao teléfono 981 337 700 extensión 1103.