Un total de trinta e un rapaces e rapazas de Narón reciben o servizo de axuda para a realización das tarefas escolares que presta o Concello de Narón á veciñanza
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que tras detectarse esa necesidade a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, e unha educadora familiar contactaron cos responsables de todos os centros de ensino da cidade para poñer en marcha esta iniciativa e, a través da educadora, derivar aqueles casos de menores que teñen problemas para imprimir as tarefas que se están enviando durante o estado de alarma dende os colexios ao alumnado.
“Con esta iniciativa ofrecemos os recursos necesarios para que as nenas e nenos da nosa cidade poidan continuar avanzando no curso escolar en igualdade de condicións, polo que se lles imprimen os traballos que se solicitan e, no caso de ser necesario tamén se lles levan aos seus propios domicilios a través de persoal da agrupación de Protección Civil”, explicou a alcaldesa. Ferreiro recordou que o servizo continuará operativo durante a suspensión das clases pola crise do coronavirus.
A rexedora local agradeceu a colaboración da empresa que cedeu unha impresora para poder levar a cabo esta iniciativa e tamén a dos propios centros de ensino para organizar a entrega do material ao alumnado, ben sexa concertándoa no propio colexio ou levándoo ao domicilio do alumno ou alumna, coa axuda dos voluntarios de Protección Civil neste último caso. “As familias en situación de vulnerabilidade dispoñen dunha ferramenta máis para que os menores conten con todos os servizos necesarios por parte do Concello, como neste caso conexión a internet e servizo de impresora, cos que continuar avanzando no curso escolar dende os seus domicilios ante esta situación extrema na que nos atopamos debido á crise da Covid-19”, recalcou Ferreiro.