NOVAS

Uns 2.400 escolares de centros de ensino de Narón e comarca asistirán esta semana ás funcións da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil”

Publicado o 21 de Outubro de 2019

Preto de 2.400 escolares de Narón e comarca desprazaranse esta semana ao Pazo da Cultura para presenciar as representacións programadas no marco da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” do Padroado da Cultura, que comezou a pasada semana.

A compañía Elefante Elegante encargarase das seis función que se desenvolverán entre mañá e o xoves –dúas por día- para representar a obra “Patapatúm”.

Na xornada de mañá será o turno de alumnado de primeiro a cuarto de Primaria dos colexios Santiago Apóstol de Narón, e dos centros San Isidro e Maciñeira, de Neda, Os Casais e Centieiras de Fene e Santiago Apóstol de Franza, un total de 351 rapazas e rapaces que acudirán á sesión das 10.00 horas. Ás 12.00 horas será o turno de 417 escolares de primeiro a cuarto de Primaria dos colexios do Feal, de Narón; As Mirandas, de Ares, O Ramo, de Barallobre, A Laxe, de Ferrol e Eladia Mariño, de Pontedeume.

O mércores día 23 ás 10.00 horas acudirán á Mostra 391 alumnas e alumnos dos colexios da Gándara, de Narón, e Isaac Peral, de Ferrol, e á función das 12.00 asistirán 416 escolares do colexio naronés Jorge Juan e dos centros Unión Mugardesa, de Mugardos, A Xunqueira, de Fene, San Ramón, de Moeche, Ponzos e Manuel Masdías, de Ferrol, e Virxe da Cela, de Pontedeume.

Por último, este xoves acudirán ás 10.00 horas un total de 401 alumnas e alumnos dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros e Virxe do Mar, de Narón, e Juan de Lángara, de Ferrol e GOA San José de Pontedeume e ás 12.00 será o turno de 417 escolares dos centros de ensino naroneses da Solaina, CRA, Ayala e Santiago Apóstol.

A “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” do Padroado da Cultura de Narón continuará o 29 e 30 deste mes no Pazo, coa representación de “Os fillos do sol”, da compañía Contraproducións para 1.145 alumnas e alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato. Os días 5, 6 e 7 de novembro terán lugar as representacións programadas para 1.773 escolares no Auditorio municipal, a cargo da compañía Ghazafelhos, que representará a obra “Acuario” para alumnado de educación Infantil de colexios de Narón e comarca. No mes de decembro serán as representacións programadas nas tres escolas infantís municipais –A Gándara, A Solaina e Piñeiros- e na unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol de Narón, que nos seus propios centros verán o espectáculo “Redondo”, de Caramuxo Teatro.

En total, uns 8.000 alumnos e alumnas de centros de colexios de Narón e doutros concellos da comarca acudirán as representacións desta Mostra organizada polo Padroado da Cultura e na que colaboran a Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais.