NOVAS

Uns 300 escolares da cidade participarán na terceira edición das Olimpíadas Escolares Virtuais de Seguridade Viaria

Publicado o 27 de Outubro de 2020

O programa desenvolverase ata o 17 de decembro

O Concello iniciou na mañá deste luns no colexio Ponte de Xuvia unha nova edición, a terceira, das Olimpíadas Escolares Virtuais de Seguridade Viaria, nas que un ano máis colabora a Confederación Nacional de Autoescuelas (CNAE) e algunhas empresas. O programa desenvolverase ata o vindeiro 17 de decembro e no mesmo participarán preto de 300 alumnas e alumnos de centros de ensino da cidade, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero. O edil naronés explicou que “a convocatoria de hoxe e a prevista para mañá no mesmo centro realízanse de xeito presencial pero as próximas desenvolveranse a través de videoconferencia en todos os casos nos que sexa posible, porque debido á actual situación sanitaria pola Covid-19 trataremos de reducir ao máximo o desprazamento aos centros, fomentando as novas tecnoloxías aplicadas á formación”. Na convocatoria, aberta a todos os centros de ensino da cidade donde se imparte educación Primaria, participa alumnado de quinto ou sexto de Primaria dos colexios Virxe do Mar, Jorge Juan, Ayala, A Gándara, A Solaina, O Feal, Piñeiros e Ponte de Xuvia.

Ao longo de cincuenta minutos alumnas e alumnos de sexto de Primaria do colexio Ponte de Xuvia asistiron a unha charla sobre Educación Viaria, na que a axente da Policía Local Sonia Caneiro e Gabriel Ramos, do club local Clásicos Bikeworks falaron sobre o papel dos ciclistas e os peatóns. Ese mesmo alumnado presenciará mañá unha sesión sobre Patrimonio do Concello, a cargo de Pedro Caneiro, axente tamén do equipo de Educación Viaria de Narón e na que se profundizará sobre os elementos patrimoniais máis recoñecidos do termo municipal. 

As Olimpíadas Escolares Virtuais de Seguridade Viaria constan dunha parte teórica e outra práctica, ao igual que en anteriores edicións. Na parte teórica o alumnado recibirá información sobre Medio Ambiente –colectores, tanques de tormentas….-, Seguridade Viaria, Patrimonio, Matemáticas e Inglés aplicado ao programa de Educación Viaria. Eses contidos abordaranse entre este mes e o vindeiro novembro, se ben en decembro terá lugar a parte práctica, donde dende os propios centros se seleccionará a unha rapaza ou un rapaz que terá que realizar unha xincana, que consistirá nun circuíto de habilidade con bicicleta e que se valorará xunto co test final. “Na final das Olimpíadas Escolares Virtuais participarán tres nenas e tres nenos que seleccionará cada centro, en representación da súa clase, e que terán que responder a unha serie de preguntas tipo test que se valorarán coa xincana para determinar os tres premios da convocatoria, que serán para o alumnado de cada unha das tres aulas con máis puntuación”, explicou Romero.

O concelleiro de Seguridade Cidadá agradeceu a colaboración dos centros de ensino que participan nesta convocatoria e animou aos escolares naroneses “a implicarse nas diferentes actividades programadas para coñecer mellor diferentes aspectos relacionados coa seguridade viaria e con outras materias de interese, vencellándoas en todo momento á educación viaria”.