NOVAS

A “XXI Feira do Mel e sector primario de Narón” organizada polo Concello e AGA celebrarase este domingo no recinto feiral do Trece

Publicado o 19 de Outubro de 2022

Narón, 17 de outubro de 2022. O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, acollerá este domingo, día 23,  a vixésimo primeira edición da “Feira do Mel e sector primario de Narón.

Organizada polo Concello en colaboración coa delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura. Unha decena de produtores de mel instalarán os seus postos no recinto, para vender mel da zona. Así mesmo, tal e como indicou o concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, tamén haberá un oito postos de venda doutros produtos artesáns e desenvolverase ao longo da xornada un completo programa de actividades.

As persoas que se acheguen á feira poderán tamén adquirir produtos que se venderán nos postos de queixos, froitas, marmeladas, crema de castañas, embutidos… ver o traballo que realiza un escultor de figuras artesás elaboradas con cera e, os máis pequenos, desfrutar nos obradoiros programados para este evento.

 O recinto do Trece abrirá as súas portas ás 11.00 horas e ás 12.00 terá lugar un showcooking e degustación de elaboracións con mel a cargo de Antonio Díaz. A maiores, haberá a partir das 12.15 horas obradoiros infantís un de pintacaras e outro de elaboración de diademas de abellas, estando previsto para a tarde outro sobre elaboración de velas, impartido por un escultor de figuras de cera.

Pola tarde o programa retomarase ás 16.00 horas e ás 16.15 desenvolverase un segundo showcooking e degustación de sobremesas saudables, a cargo nesta ocasión de Bioreona. A continuación, a partir das 18.00 horas, programáronse relatorios técnicos e minicata, un sobre “Apiturismo”, con Pepe Torres, presidente da Asociación Galega de Apicultura, e outro de “Control da velutina”, que correrá a cargo de Rafael Díaz, técnico apícola. A programación deste ano rematará ás 20.00 horas, tal e como apuntou Galego.

“Queremos animar á cidadanía a que acuda a esta nova edición da Feira do Mel, na que poderá coñecer un pouco mellor o mundo da apicultura e desfrutar da gran calidade dos produtos que se elaboran con mel da zona e tamén do resto de artículos artesáns que se poderán adquirir en Sedes este domingo”, asegurou Galego.